O martes día 16 de xaneiro comparece ante a Comisión de Investigación sobre a crise financeira en España aberta no Congreso dos Deputados Xesús Domínguez, en representación da Coordinadora das Plataformas das Preferentes de Galiza para expoñer o contido e o alcance da loita contra a estafa das participacións preferentes e subordinadas en Galiza.

 O traballo desenvolto polas plataformas foi determinante para lograr que a través desta loita máis do 90 % das persoas afectadas recuperasen os aforros que lles colocaran en preferentes e subordinadas.

Para logralo desenvolveron, entre outras accións, as seguintes:

 Primeiro.- Espallar a finais de 2011 e principios do 2012 a creación de plataformas na maioría das comarcas de Galiza para informarse e denunciar colectivamente ante a opinión pública a existencia dunha estafa masiva, realizada polas Caixas de Aforros galegas, a través da comercialización de preferentes entre os seus clientes.

 Segundo.- Promover na primavera do 2012 mobilizacións conxuntas de todas as plataformas do noso País para esixir á Dirección de Caixa Galicia, Caixa Nova,  e ao Goberno do Estado e da Xunta, a devolución de todos os aforros colocados en preferentes.

 Terceiro.- Poñerlle cara, a través das mobilizacións conxuntas e comarcais, ás miles de persoas estafadas, para contrastar e combater publicamente as mentiras e acusacións promovidas polos directivos das Caixas e os políticos adscritos ao poder, que pretendían convencer á sociedade galega de que os titulares de preferentes eran persoas expertas en produtos bancarios de risco, que foran seducidos pola avaricia e a posibilidade de gañar moitos cartos coas preferentes.

 Cuarto.- Demostrar con argumentos legais, sociais e políticos á sociedade, á opinión pública, aos responsábeis xudiciais e políticos, que se trataba dunha estafa planificada, executada pola dirección das Caixas e consentida polos responsábeis políticos do Goberno de turno. As miles de resolucións favorábeis as persoas estafadas, ditadas a través do arbitraxe e dos órganos xudiciais, acreditan a valoración e demandas das Plataformas.

 Quinto.- Responder con firmeza e coherencia, a través de accións sempre pacificas e ordenadas, os múltiples intentos do poder político, tanto do Goberno Central, da Xunta de Galicia e algúns cargos e alcaldes do PP,  que actuando sempre en contra dos intereses das persoas afectadas, promoveron decretos, leis e acordos para afectar tamén aos titulares de subordinadas, legalizar a estafa, aprobar a quita e rescatar con  miles de millóns de euros ás propias Caixas que cometeran este fraude.

 Sexto.- Sen a loita constante das Plataformas, tanto na rúa como nas institucións, non sería posíbel recuperar os aforros das miles de persoas estafadas. Foi un resultado logrado a pulso, con unión e constancia, participando en centos de manifestacións e concentracións ao longo de catro anos, con encerros nos concellos, etc. Tamén fomos multados inxustamente por defender os nosos dereitos pacificamente, por capricho dos defensores do poder político establecido. As Plataformas cumprimos o lema “non pararemos ata que todos cobremos”.  

 Sétimo.- En paralelo a loita que libraban as Plataformas para recuperar os aforros das 116.000 persoas directamente afectadas segundo o FROB, o Goberno do Estado e da Xunta de Galicia aproveitaron para promover a fusión das Caixas de Aforros galegas, logo a súa desaparición para convertelas nun banco, sanear este banco con 9.000 millóns de euros de diñeiro público, para logo “regalarllo” a un empresario venezolano por só 1000 millóns, cubríndolle, ademais, todas as posíbeis quebras herdadas. A maiores, permitíronlle reducir xa máis de 1.000 postos de traballo e case liquidar a Obra Social de Caixa Galicia. Creouse unha comisión de investigación no Parlamento galego que mantén secuestrada o PP.

 Oitavo.- A loita contra a estafa das preferentes en Galiza tivo tamén efectos positivos no resto do Estado. Axudou a demostrar que era unha estafa millonaria e xeneralizada. A demanda das Plataformas galegas para que o Goberno do Estado e da Xunta de Galicia aportaran solucións a este grave  problema, obrigounos a abrir a vía da arbitraxe, onde se resolveron miles de casos. A combinación da loita na rúa e nas institucións, acadou moitas mostras de apoio e retratou na práctica de que lado estaban as distintas forzas políticas. Esta loita é un referente para outras moitas, que cumpriría facer, para rematar co espolio e os abusos das entidades bancarias a través de cláusulas solo, bonos, valores, gastos hipoteca, quebras bancarias, etc.

Coordinadora Galega de Plataformas de Afectados por Preferentes e Subordinadas

esafsqarhyazeubebgcazh-CNzh-TWhrcsdanlenettlfifrglkadeelhtiwhihuisidgaitjakolvltmkmsmtnofaplptrorusrskslswsvthtrukurvicyyi