Culleredo e A Coruña acollen a gravación de "Hai vida en Bran?"

Información
;Portada 04 Diciembre 2017

O xurado do IV Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay decidiu o pasado mes de maio outorgar o Premio ao mellor proxecto de webserie en galego, dotado con 1.500 euros para a produción dos tres primeiros capítulos, a Hai vida en Bran?, creada e protagonizada por Ángela Andrada. Un proxecto que quere "cambiar o rumbo do audiovisual rompendo estereotipos" e que estes días toma forma na parroquia de Celas (en Culleredo) e máis na cidade da Coruña.

 

Esta nova webserie conta a vida de Mariña, unha moza licenciada en belas artes e seguidora do glam rock que volve á casa da súa nai, na pequena vila de Bran, despois de intentar, sen éxito, abrirse camiño no mundo do cómic. É unha comedia con forte presenza musical e pequenas tinturas dramáticas que retrata a Xeración Xabarín, os mozos de soños rotos, criados enfronte dun televisor, aos que se lles prometeu que chegarían lonxe e que agora se atopan cun futuro incerto.

"Hai vida en Bran?" é unha comedia con forte presenza musical

Un equipo novísimo, encabezado pola propia Ángela Andrada e máis por Cristina Mariño, Pastor Rodríguez, Gonzalo Faílde e Daniel Celester, faise acompañar por caras coñecidas do audiovisual galego, como Isabel Blanco e Cris Iglesias, para dar vida á historia de Mariña, que sen cartos e en plena crise dos 25, comeza a traballar na tenda da gasolineira, Súper Dépor 24 e, para combater o aburrimento e a soidade, mergúllase na creación do seu novo cómic, O home das estrelas. A súa imaxinación desbórdase por completo, cando o protagonista do mesmo, Orión, un extraterrestre glam, cobra vida. Xunto a Orión, Mariña redescubrirá Bran e os estraños fenómenos que acontecen nela, aos seus peculiares habitantes, e a si mesma.

Hai vida en Bran? estrearase na quinta edición do Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay, que se celebrará os días 4, 5, 6 e 7 de abril de 2018 e que está en pleno proceso de recepción de propostas, tanto para a sección oficial a concurso como para o premio ao mellor proxecto de webserie en galego, que de novo estará dotado con 1.500 euros para a produción dos tres primeiros capítulos e se resolverá cun pitching en directo durante o festival.