A ÁRBORE CAEU

30 Agosto 2017 619 votos

TreeA árvore caeu. Talvez ninguén escoitou o estrondo, pero caeu. E o ruído da sua caida non foi cousa só dese momento exacto: os lamentos da sua lenta e inexorabel doenza foran comentados e denunciados por aqueles que vivian, de algunha maneira, á sua sombra. As veciñas, sí, comentaban, discutian, comprobaban os avances da praga que retorcía as follas, as engruñaba, as agostaba moito antes do seu ciclo natural, e denunciaban. Falando para orellas indiferentes ou presentando escritos destinados a dormir nas gavetas do talvez, e observando como o resultado era sempre o mesmo: a calma, o silencio, o pasar e deixar pasar.

A caida dunha árvore non debería ser un problema; como todos os seres vivos nacen, crecen e morren. Só que a sua caida, a sua quebra, rompe un cadro que pensamos inmóvil, case eterno, apenas sometido ás mudanzas ás que os someten as estacións. E non é certo, é só unha mentira dos nosos ollos, habituados a un tempo humano, demasiado humano.  Unha árvore non é só paisaxe, traballa a vida enteira, forma parte do noso ecosistema urbán e o enriquece, deféndenos do metal, da pedra, do plástico e do lixo que desprendemos sen conciencia á sua maneira humilde e silenciosa.

Só por iso debémoslles atención, coidados, planificación, habilitación e rehabilitación dos seus espazos; non debería ser tan difícil nunha cidade como a nosa, onde sempre parece que o monte nos queira abrazar.

Hoxe o problema non é só da Praza de San Marcial. Quem dea unha volta polos parques e ruas da cidade poderá ver moitas árvores doentes, rotas ou secas por diversas razóns que van desde o abandono ao maltrato. E cada dia serán mais se non comezamos tratálos con un pouco mais de respeito e devolverlles un pouco do que nos dan. Que a solución non sexa o cortar e pegar habitual, que só disimula o problema por un tempo e tén por consecuencia restrinxir cada vez mais o espazo do noso verde.

Por favor, que o bosque non impida ver as árvores.