Ourense en Común ameaza con emprender accións legais contra o goberno do PP por denegarlle o acceso a información

Información
;Portada 29 Agosto 2017

Durante máis de seis meses, o goberno elude facilitar documentación que o grupo solicita.
•    Informacións sobre o estado de execución de partidas orzamentarias, ingresos doutras administracións, recadacións, proxectos ou datos estatísticos son negados sistematicamente polo goberno do Partido Popular
•    O equipo de Jesús Vázquez vulnera reiteradamente o dereito de acceso á información dos grupos municipais.

 

Ourense, 29 de agosto 2017
   
    Logo das reiteradas peticións de información nas sucesivas xuntas de área celebradas ao longo dos últimos meses, e derivado das repetidas evasivas do equipo de goberno en facilitar a documentación que se lle solicita, na Xunta de Área de Facenda, Servizos Xerais, Turismo e Termalismo celebrada o 1 de agosto, o concelleiro e voceiro do grupo municipal Ourense en Común facía unha reiteración sobre a documentación solicitada e pendente de entrega e manifestaba que senón se lle entregaba, “a solicitaría por outros cauces”.

    Entre outras, Martiño Xosé Vázquez demandaba acceso ao listado de inversións para a cidade captadas dos gobernos amigos na Deputación, Xunta e Estado, “das que o alcalde presumía en marzo. O único que pedimos é ter acceso a eses datos para poder comprobalo e alegrarnos tamén de que Ourense deixe de ser históricamente marxinada polos gobernos do Partido Popular. Seis meses despois seguimos agardando por esa información".

    Segundo recollen as actas desta comisión informativa, Ourense en Común ten solicitado ademais o estado de execución de partidas orzamentarias para medios de comunicación e propaganda, o montante total da recadación por cartelería ilegal, as copias de proxectos presentados como GeoAtlantic ou datos estatísticos de diversa consideración, xa que "é común que o goberno municipal afirme perante os medios de comunicación feitos que despois son incapaces de demostrar con datos, cando entendemos que o fan porque existen informes que o respaldan”, explica o voceiro do grupo,

    Perante esta situación, Ourense en Común solicitará a mediación do Secretario Municipal, responsable de facer cumprir o regulamento, e en caso contrario acudirá á vía xudicial mediante un recurso especial de protección de dereitos fundamentais (Artigo 23.2 CE), alertando de que “de persistir a negativa e ser reiterada sen motivo acudiremos se é preciso á vía penal”.

    “Como representantes da veciñanza e segundo o Artigo 9 do Regulamento Orgánico do Concello de Ourense temos dereito a ter esa documentación, é algo fundamental para exercer con garantías a nosa labor de fiscalización e control ao goberno".