Excmo. Sr. Jesús Posada, presidente do Congreso dos Deputados:

Desde a plataforma apartidaria ProLingua dirixímonos a vostede para reclamar respecto á riqueza plurilingüe de España no sitio web do Congreso dos Deputados. O portal do Senado (senado.es) pode consultarse en catalán, castelán, éuscaro, galego, valenciano e inglés, mentres que o do Congreso (congreso.es), só en castelán e inglés. Consideramos necesaria unha ampliación inclusiva desta oferta que posibilite o acceso no resto dos idiomas de España que son oficiais nas súas Comunidades Autónomas, e mesmo que se considere esta posibilidade para aqueloutros que sen o seren contan cun certo grao de oficialidade coma o asturiano ou o aragonés. Ben está poder coñecer a actividade das nosas deputadas e dos nosos deputados en inglés, pero é de xustiza dispoñermos tamén desta información en galego e nas demais linguas españolas.

Hoxe a Constitución Española está de aniversario. Un bo agasallo á cidadanía sería facilitar a consulta multilingüe dos contidos deste portal institucional. Resulta habitual escoitar discursos gabando as bondades do plurilingüismo, mais se ese plurilingüismo fica reducido ao castelán e ao inglés, o resultado evidente é a exclusión das outras linguas. Non pode ser que o Congreso permita que estas linguas nacionais, mesmo aquelas con estatuto de oficialidade, reciban na práctica peor trato que idiomas estranxeiros. Desde Prolingua queremos agradecer de antemán a súa atención e agardamos unha solución a esta ausencia tan pouco plural.

A plataforma ProLingua dirixiu unha carta ao presidente do Congreso dos Deputados, porque considera impresentable que o portal web da institución que di representarnos a todos e a todas non ofreza a opción de ser consultado en galego. Se se consulta, as dúas opcións que ofrece son castelán e inglés. Aquí a carta completa.

Otros articulos relacionados.....