Despois da vendima, vén a castañeira: “Acabáronse as vendimas e veñen as esfolladas para comer coas mozas catro castañas asadas”, di a copla. Os soutos limpos, cos arellos arranxados nos lugares ladeiros, estiveron á espera de regañaren os ourizos na ribeira do Sil. Este outono viñeron serodias, pois as castañas, que pingan do ceo a xeito de maná nas portas do inverno, no  agosto queren arder e no setembro, beber.                                  

   Apañar as castañas é un traballo de paciencia e non tan doado como parece: hai que dobrar o carrelo, e ir con tento que os ourizos pican todos, que non son pementos de Padrón, que uns pican e outros, non; cómpre, ademais, ter un pescozo de boi, apandando cos sacos ao lombo deica a pista que abriu o concello cos cartos da Deputación, pois as cabalerías xa non se ven polos camiños de ferradura e, por encima, empezan as chuvascadas co gallo de regar a terra, tralo estío, e de abanear as noces das nogueiras: Eolo, arrogante, adoita visitarnos por estas calendas, soprando alegre como unhas castañolas, asubía que te asubía, o pillabán levántalle as enaguas ás mozas que andan dobradas nos soutos; logo, entretense cos xogos de seu: abanea e retorce os castiñeiros novos, aínda bravos; esgaza as trabes febles, fillas das caracochas; coas follas fai o que lle peta: ‘folliñas que leva o vento’; porén as follas molladas polo orballo escapan dos seus xogos caprichosos e malévolos, acochando quedas, pegadas unhas nas outras, nos valados dos soutos; disque as que teñen máis sentido esperan agachadas dentro das caracochas a que acalme o furacán que veu preñado de carraxe do mar océano.                        

    Eh, amigo, non me roubes as castañas...!  Segundo a lei antiga: ‘A castaña caída no camiño é do veciño’, replicoume o home do candil... as castañas son do castiñeiro, non é! os castiñeiros, do souto; pero, o souto do frade é meu, entón non me veña con esas sécolas, díxenlle polas boas. Pouse, e atenda un chisco, que lle quero falar, pan por pan, do asunto das castañas: Os que xa peiteamos canas, sabe vostede, os últimos de Filipinas que quedamos por estes lares da Ribeira Sacra, non é que botemos a durmiren como as castañas nun ourizo, non!, porén certo é que malia de non estarmos para asar castañas, como dicía o outro, ninguén nos vai botar unha man para retiralas do lume; grandes son as caralladas do campo e mailos atracos da fiscalía, mais hai que aguantar como decotío lle digo eu ao Gumersindo da Pena: Déixate levar, non patexes coma un becerro pechado nun cortello que, mesmo, che pode estalar unha castaña na boca, ou unha bolerca nos ollos, que os moi bandidos teñen a tixola agarrada pola mao, que seica andan matinando como chucharnos as pensións, de por si ruíns como as castañas na rebusca. Me cago nos galos empoleirados! Mire que lle son mentireiros: castañas podres! louras e limpas por fóra, mais por dentro, furadas dos ‘cocos’... ‘mexan por nós e hai que dicir que chove’, manda castaña!, así rematou a conversa o home que me rouba as castañas no camiño real de Viana.  

    As castañas bótanse ás cestas de madeira producindo un ruxido estrepitoso e seco: cómpre ter bo tino para encestalas todas dun certeiro tiro. As mulleres usan máis o mandil que se baleira directamente no saco. As primeiras en pingaren véndense ben e, ao cabo do día, dúas ou tres persoas, de andaren lixeiras, poden xuntar uns cartiños constantes e chichantes, que veñen como caídos do ceo. A noitiña, é costume asar as castañas na prancha da cociña económica, acompañadas dalgúns cerrotes atopados nos soutos, sen esquecernos de darlles un corte cun coitelo: “Xa cho teño dito, amosega esas castañas, ho! que van estouparen coma petardos e move ese cu! vai traendo o viño”, díxolle a muller ao seu home, ‘o Paiolo’. Castañas asadas, un prato de caldo de nabizas abofé que sentan ben para quitar a friaxe do corpo que se trae dos eidos.        

     A rebusca era a última colleita de castañas que se facía nos soutos. Caía polo san Martiño. Había que procuralas por debaixo das follas e dos ourizos coa axuda dunha forquita esgazada dunha póla. As castañas, máis pequeneiras, quedaban para cebar os porcos ou para secalas no canizo con lume morno de cozos ou dunha caracocha que secara pola filoxera. De cando en vez, os nenos tiñamos que subir ao sequeiro para remexelas cunha rodela de pau, mentres xogabamos brincando ás pelexas encima delas, malia ao fume que se metía polos buratos do nariz e nos saía polas orellas, e polos ollos, que nos picaban e nos deixaban medio choscos.     

                

     Pasados 15 días, viña a xeira de mallalas, meténdoas en sacos pequenos e golpeándoos repetidas veces encima dun tarugo de madeira. E para rematar, íanse botando aos poucos nunha criba en forma de media lúa que se collía coas dúas mans polos seus extremos.  

     O señor Vitoriano de Sacardebois cribaba as castañas con moito xeito, separando as pilongas das belotas e das cascas que saían voando pola ventá do sequeiro. As castañas secas, escollidas dos picóns, metíanse nunhas arcas de madeira de castiñeiro que había no faiado. Durante todo o santo ano íanse comendo cocidas, con chourizos e morcillas ou soas con leite ou con viño.                                           

     As castañas foron o alimento básico de animais e persoas durante moitos séculos, ‘as castañas da terra’, as patacas, viñeron de América no século XVI. A unidade de medida era a tega; noutros lugares, o ferrado. Naquela era frecuente o troque de produtos da montaña polos da ribeira: unha ola de barro de Gundivós, nova do trinque para o viño, podíase trocar por tres olas de castañas Chandrexa ou de Sacardebois. E para rematar o conto da castañeira, adiviña: /Alto está, barbas ten / e, cando lle dá por rir, / perde todo o que ten /. Parada de Sil, terra de vellos castiñeiros:  cando espertaron os dinosauros, xa estaban nos soutos.

 

Eduardo Prieto Casares

La Venganza de la Petra en el Teatro Amaya el 22.8.19 RESEÑA en www.miguelgallardo.es/la-venganza-de-la-petra.pdf

RESEÑA en www.miguelgallardo.es/la-venganza-de-la-petra.pdf       Comentada en https://twitter.com/miguelgallardo/status/1164674102105399297  Carlos Arniches (Alicante, 11.10.1866...

Fuera de Google y dentro de Google APEDANICA investiga lo que se oculta por el buscador

Dr. (PhD) Miguel Gallardo PERITO Tel.  (+34) 902998352 E-mail: apedanica.ong@gmail.com Asociación...

Mr. Moon de Snowapple en Café Berlín el 15.8.19

RESEÑA en www.miguelgallardo.es/snowapple.pdf      Comentada en https://twitter.com/miguelgallardo/status/1162146318699159553 Si se tuviera que resumir en dos palabras el...

Empresas contratadas por Google para transcribir audio espiado deben conocerse pese a contratos confidenciales ilegales

Juzgado Central de Instrucción 3 de la Audiencia Nacional  Diligencias Previas...

Los policías liberados sindicales, ¿son corruptos?

Archivado en: Política Analizar la historia siempre es aprender un poco. La...

¿Quieres ser un ganador nato en CodyCross?

Existen portales web que te dan las respuestas para completar...

Te contamos los beneficios de los cursos homologados online

Durante los últimos años la calidad del empleo ha sufrido...

La extraña pareja ESTRENO en Teatro Amaya 19.7.19

RESEÑA en www.miguelgallardo.es/la-extrana-pareja.pdf     Comentada en https://twitter.com/miguelgallardo/status/1152522864345718784  ¿Es distinto el humor masculino del...

Mar Sánchez Sierra CONVIERTE LA PRESIDENCIA DE LA XUNTA con su cargo y acciones en una pirámide de acoso judicial, persecución institucional, amenazas y coacciones utilizando altos cargos de la Xunta contra Miguel Delgado Director de Xornal Galicia y Presidente de Pladesemapesga.


Otros articulos relacionados.....