A chuvia recollida nestes catorce días de xaneiro en Compostela equivale ao 27,8% do total de 2015

Información
;Localidades de Galicia 14 Enero 2016

365,2 litros por metro cadrado. Esta é a cifra de chuvia recollida co pluviómetro manual da estación meteorolóxica do Observatorio Ramón María Aller da USC entre o comezo deste ano e as 9.00 horas deste xoves 14 de xaneiro. Ademais, este volume de precipitacións equivale ao 27,8% do total da choiva recollida durante todo o ano 2015.

Os datos acaba de facelos públicos o director do Observatorio Astronómico, José Ángel Docobo, para quen, logo da revisión dos rexistros dos últimos 30 anos, representan un récord de precipitacións nestas tres últimas décadas. “O máis próximo a estas cantidades foron os 306 litros/m2 recollidos a comezos de 2014 e que no total daquel mes se ampliaran ata 498,7 litros/m2, ou os 298,1 litros de 2001, con 546,2 en todo aquel mes”, engade o director do Observatorio.

Neste primeiros días de xaneiro, choveu todos os días, con especial intensidade o día 7 (88,6 litros/m2) e na noite pasada (do 13 ao 14) con 50 litros. Tamén foron significativos os rexistros dos pasados días 3, 6 e 9, con cifras superiores aos 30 litros/m2.