O alcalde de Santiago requírelle á Xunta que “non se poña de perfil” na coordinación aeroportuaria

Información
;Localidades de Galicia 30 Octubre 2015
  • Martiño Noriega participou en Madrid na reunión do Comité de Coordinación Aeroportuaria, presidida pola ministra de Fomento

Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2015. O alcalde de Santiago participou esta tarde en Madrid na reunión do Comité de Coordinación Aeroportuaria de Galicia, a primeira en máis de ano e medio. Ao seu remate, Martiño Noriega explicou que a xuntanza, presidida pola ministra de Fomento, serviu para constatar que Compostela e A Coruña poden manter liñas de colaboración, mentres que a terceira cidade galega con aeroporto, Vigo, “non vai mudar a súa posición de tirar de chequeira para subvencionar aeroliñas con cartos públicos”. Na reunión, o alcalde vigués, Abel Caballero, xustificou a súa postura “na competencia directa que supón a terminal de Oporto para Peinador, e na boa situación económica da cidade olívica”.

O alcalde compostelán recoñeceu que a ministra de Fomento, Ana Pastor, mantivo na reunión unha posición activa en prol da coordinación aeroportuaria en Galicia, pero lamentou que a Xunta “se puxera de perfil”. Para Martiño Noriega, é vital que o goberno autonómico se posicione, e premie dalgún xeito aos concellos que están dispostos a cooperar, isto é, Santiago e A Coruña. Ao tempo, o rexedor expresou o seu desexo de que esta colaboración entre as dúas cidades sirva para “rebaixar as demandas das aeroliñas”. Nese sentido, Martiño Noriega lembra que cando se fala de subvencionar voos “non se deben ter en conta as cantidades totais, senón o que supoñen esas achegas en relación aos viaxeiros, porque as cifras falan de que en Vigo se van subvencionar billetes a 200 euros”.

Na reunión desta tarde acordouse crear dous grupos de traballo, un sobre mobilidade e o outro co obxectivo de transparentar as axudas ás aeroliñas. Ademais, puxéronse sobre a mesa as cifras das tres terminais galegas nos últimos meses. Os tres aeroportos gañaron en número de pasaxeiros, sobre todo Lavacolla, que sumou un 10 por cento de usuarios.{jcomments on}