Denuncia diante da Valedora do Pobo contra o Concello de Abadín por promover e manter barreiras arquitectónicas diante da casa dunha muller minusválida

Información
;Denuncias 21 Noviembre 2015 Sección; Especiales

pilarfernandezXunto con este mensaxe, achegamos fotografías da denunciante e varios escritos presentados diante do Concello de Abadín e da Valedora do Pobo

Pilar Fernández é unha muller de 65 anos que vive no lugar do Coto, na parroquia de Abeledo, no municipio lucense de Abadín. Pilar ten un grao de minusvalía recoñecido do 84% e precisa dunha cadeira de rodas para poder desprazarse e da asistencia dunha persoa para facer vida normal.

Dende hai anos, Pilar veu medrar, paseniño, un problema que acaba de denunciar diante da Valedora do Pobo: a estrada que hai diante da súa casa. E é que o mantemento desta pista, que esixe a restitución do seu firme con novas capas asfálticas, fixo que a súa altura non parase de aumentar co paso dos anos, de maneira que hoxe en día Pilar ten un chanzo duns 14 centímetros de altura pechándolle a saída do seu domicilio. O que para o resto da súa veciñanza é unha vía de comunicación, para Pilar converteuse nunha barreira arquitectónica infranqueable para saír coa súa cadeira de rodas. Por se non abondase, as últimas obras feitas na pista fixeron que a auga da choiva desemboque na vivenda desta muller, co conseguinte risco de inundación ou danos causados pola humidade.

Cabería agardar da administración responsable desta pista a execución urxente das obras necesarias para garantir a mobilidade de Pilar. Sen embargo, Pilar leva anos pedíndolle solucións ao alcalde de Abadín, Xosé María López Rancaño, tanto de viva voz como a través de varios escritos rexistrados no concello, sen que se fixese até o de agora nada para solucionalo. A omisión do concello é grave se consideramos que os primeiros escritos de Pilar foron rexistrados en setembro de 2013. Mesmo tamén se presentou para mediar, infrutuosamente, a Asociación para a Promoción Social e Cultural das Persoas con Discapacidade Física (Auxilia).

Chegados a este extremo, Pilar decidiu buscar amparo na Valedora do Pobo, institución na que vén de presentar unha denuncia para que inste ao Concello de Abadín a cumprir coa Lei de Eliminación de Barreiras Arquitectónicas e deixen de mantela nesta situación comparable a un arresto domiciliario, xa que, sen a axuda doutra persoa, agora mesmo Pilar está condenada a non poder saír da súa casa aínda que queira.{jcomments on}